Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O Concello de Lalín e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela asinaron hai 10 meses o convenio de colaboración para a posta en marcha dun punto de información especializado en Dano Cerebral e a realización de actividades de sensibilización e información dirixida á poboación e centros educativos.
Esta semana retomamos no Colexio Vilas Alborada de Santiago as charlas de sensibilización sobre Dano Cerebral destinadas e nenos e nenas e que desenvolvemos nos centros de primaria e secundaria. Este obradoiro busca, a través do xogo e a participación, explicar as claves do DCA (causas, secuelas, consellos de prevención, etc) e desenvolver habilidades e estratexias de comprensión desta discapacidade e da diversidade.
Sarela regresa aos concellos da Área sanitaria de Compostela e Barbanza coas charlas dirixidas á poboación xeral e nas que se tratan temas como as causas do DCA como o ICTUS, pautas de prevención, recomendacións de coidados, explicación dos servizos de Sarela, dereitos etc. Son impartidas por profesionais dos servizos especializados de Sarela.
Están dirixidas á poboación xeral e nelas falarase de causas como o ICTUS, da prevención, pautas de coidados, atención especializada, dereitos etc. Están xa programadas nos centros socioculturais da Rocha (19 de outubro), a Pontepedriña (8 de novembro) e Cardenal Quiroga (9 de novembro).
Sarela abriu este mes dous novos puntos informativos especializados en dano cerebral adquirido en Lalín e Mazaricos e que se suman aos que xa funcionan na Área sanitaria de Santiago e Barbanza na Estrada, Arzúa, Ribeira e Santiago. O esforzo realizado por Sarela para atender estes puntos de información encádrase no obxectivo de achegar información ás familias con dano cerebral adquirido que viven máis lonxe de Santiago e detectar as súas necesidades de atención.
Este punto de información funcionará o último mércores de cada mes de 10:30 a 13:30 nun local cedido polo Concello no Lalín Arena. Sarela tamén realizará actividades de sensibilización e información dirixida á poboación xeral e tamén en centros educativos.
No Día internacional do ioga entrevistamos a Jorge Ferro. El ten dano cerebral como consecuencia dun traumatismo cranioencefálico sufrido nun accidente de coche. Como explica na entrevista, unha vez recibe a alta no Servizo de Atención Especializada aceptou a proposta para continuar con nós facendo o que mellor sabía facer antes do accidente. Así, desde hai dous anos dirixe como voluntario a actividade de ioga organizada desde o Servizo de información a familias e que agora se realiza en modalidade online.
Quen o desexe pode inscribirse na actividade pois non existe límite de prazas. Son todos os martes ás 10:00 horas e teñen unha duración de 45 minutos aproximadamente. O monitor é o voluntario Jorge Ferro, que xa dirixía a actividade cando se facía de forma presencial.