Subscríbete ao noso boletín

Recibe novas no teu email

A aportación do traballo social á atención do DCA

27/07/2017

O DCA, ademais da ruptura do ciclo vital, pode traer consigo a desestruturación da familia, perda de relacións sociais, falta de recoñecemento social e familiar da persoa coidadora, precariedade económica, afrontar aspectos xurídicos e legais, entre outras consecuencias. Neste artigo as nosas traballadoras sociais Eugenia Veloso e Olalla Domínguez falan da súa responsabilidade á hora de cubrir estas necesidades.Con el continuamos a serie que estamos a publicar por especialidades.

Eugenia Veloso e Olalla Domíguez son traballadoras sociais en Sarela

 

Cando as persoas escoitan a profesión de traballo social, anteriormente coñecida como asistencia social,  soen  pensar de inmediato en “xestores” de axudas económicas, persoas socialmente moi desfavorecidas, situacións de pobreza etc.

 

Pero o traballo social non está vinculado a situacións de extrema necesidade ou a determinados grupos de poboación (persoas sen teito, minorías étnicas etc), senón que traballa con calquera persoa que se atopa nunha situación de dificultade que implica axustes na súa vida persoal e familiar.

 

A aparición dunha lesión repentina e polo xeral moi discapacitante como é o dano cerebral adquirido (DCA) vai supoñer un impacto na vida non só da persoa, senón tamén da familia que esixirá a reorganización dos recursos persoais e a necesidade de ter determinados apoios que antes non se vían necesarios. 

 

Todo isto traerá consigo unha interrupción do ciclo vital, unha desestruturación do contorno familiar (sobrecarga de traballo dun dos membros, cambio de roles…), illamento (perda de relacións sociais), falta de recoñecemento social e familiar da persoa coidadora, abandono do mercado de traballo tanto por parte da persoa afectada como da persoa coidadora (que se ve obrigada a coidar), precariedade económica (incremento dos gastos xunto a redución dos ingresos) e aspectos xurídicos e legais aos que haberá que facer fronte (modificación da capacidade de obrar, trámites coas aseguradoras…). Estas necesidades deben ser cubertas para que a intervención global  teña maior probabilidade de éxito. Por iso, o traballo social constitúe unha peza esencial no puzzle que complementa a actuación dos demais profesionais.

 

Aínda que podemos identificar unha serie de fases, o DCA non lles afecta a todas as familias nin a todas as persoas da mesma forma. Por iso é preciso ter unha atención individual e personalizada con cada persoa e cada familia contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida.

 

O profesional do traballo social é a persoa encargada de informar, orientar, apoiar e acompañar á persoa con DCA e á súa familia neste proceso, axudando a acadar o seu benestar social a través dos recursos persoais propios e dos recursos sociais existentes.

 

Ademais do traballo coa persoa con dano cerebral e o seu entorno, o profesional do traballo social intervén no entorno comunitario a través de diferentes proxectos e iniciativas.

 

A intervención comunitaria traballa sobre o entorno a través da coordinación con outras entidades do territorio ou de campañas de sensibilización e prevención entre outras actividades. O obxectivo é producir cambios que favorezan a inserción social e a capacitación, que melloren o grao de autonomía das persoas con DCA e as súas familias pero tamén das entidades e dos grupos que comparten un mesmo territorio.

 

Contribuiremos deste xeito a fortalecer a comunidade como espazo preventivo: seremos máis eficaces se coordinamos actuacións e recursos e se informamos a través de grupos e redes. A atención comunitaria traballa desde unha perspectiva de cambio e mellora da situación social da colectividade.

 

A información obtida nas diferentes  intervencións realizadas dende o traballo social (individual, familiar e comunitaria) permite poder trasladar ás administracións e organismos públicos as necesidades detectadas para reivindicar dereitos e que se creen os recursos necesarios para mellorar a calidade de vida das persoas e familias con DCA.

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información