Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
“Imaxinade que un día calquera de vós espertades nunha habitación descoñecida, rodeados dos vosos seres queridos e sen entender nada do que pasa ao redor. Intentas preguntar e ves que non podes dicir nada, diríxense a ti e non entendes, parece que che falan noutro idioma”. Así comeza o artigo de Vanessa Mantiñán, logopeda, que continúa coa serie de artigos que por especialidades estamos a publicar.
LUDÓPATA, PODÓLOGA, PROFESORA… NON, LOGOPEDA
Vanessa Mantiñán é logopedas en Sarela.
Imaxinade que un día calquera de vós espertades nunha habitación descoñecida, rodeados dos vosos seres queridos e sen entender nada do que pasa ao redor. Intentas preguntar e ves que non podes dicir nada, diríxense a ti e non entendes, parece que che falan noutro idioma.
Outra situación, por exemplo, ao facer una tarefa tan cotiá coma ir á compra. Procurades pedir mazás á froiteira, xa que era o que queriades mercar, e non sodes capaces de dicir “quero mazás” senón que dicides “quero laranxas”. Para que a froiteira non se decate da dificultade que tedes colledes a bolsa das laranxas e marchades con elas.
Agora estades nun acto familiar e todos están a desfrutar dun churrasco con patacas. E vós, segundo as indicacións trala saída do hospital, tedes que comer todo triturado e beber líquidos con espesante, cun sabor e unha pinta pouco agradables. E preguntádesvos, terei que comer así toda a vida?.
Falades, esforzádesvos e ninguén vos entende. Notades a lingua coma se fora unha goma de mascar. Mándanvos repetir moitas veces as cousas e, como vos cansades, preferides deixar de falar.
Estas son algunhas das situacións que poden vivir ou sentir as persoas que sufriron un dano cerebral adquirido. Por descoñecemento da sociedade, a figura do logopeda está asociada ao profesional que traballa con nenos en retrasos da linguaxe, dislalias (dificultades articulación fonema RR), dislexia etc. Pero como se pode comprobar, o noso traballo é fundamental para tratar problemas coma os citados no comezo deste artigo.
A logopedia é a profesión encargada da avaliación, diagnóstico e tratamento nas alteracións da linguaxe, fala, voz, deglutición e audición tanto en poboación infantil coma adulta.
Cando sucede un dano cerebral, segundo onde se atope a lesión, pode verse comprometida a linguaxe (comprensión e expresión tanto oral coma escrita), a fala (apraxia, disartria), dificultades para deglutir (disfaxia) etc.
En relación á intervención, as/os logopedas debemos adaptar a mesma a cada persoa e acompañarnos dun equipo interdisciplinar (fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, psicólogo/a, neuropsicologo/a, médicos especialistas, auxiliares de enfermería …) buscando as alternativas máis axeitadas en cada caso. Neste traballo inclúense os SAAC (sistemas alternativos e/ou aumentativos de comunicación), adaptación da alimentación e estratexias compensatorias, todo co fin de mellorar a calidade de vida da persoa con DCA e das súas familias.
“A logopedia é … oír unha bagoa, articular unha emoción, vocalizar un desexo, ler a alma, escribir un sorriso … é todo o que o home ten de humano”. (Mara Behlau. Fonoaudióloga).