Subscríbete ao noso boletín

Recibe novas no teu email

Manexo do estrés en persoas coidadoras

28/09/2018

Diferenzas entre ansiedade e estrés. A relación entre este e a aparición de enfermidades. Os síntomas para detectalo e o caso concreto das persoas coidadoras. Recomendacións para previlo e técnicas para manexalo. Este é parte do contido do artigo de Junquera Nova e Noelia Ouro, psicólogas en Sarela, sobre o estrés co foco dos coidadores e coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido.

Diferenzas entre ansiedade e estrés. A relación entre este e a aparición de enfermidades. Os síntomas para detectalo e o caso concreto das persoas coidadoras. Recomendacións para previlo e técnicas para manexalo. Este é parte do contido do artigo de Junquera Novo e Noelia Ouro, psicólogas en Sarela, sobre o estrés co foco nos coidadores e coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido.

 

Junquera Novo e Noelia Ouro son psicólogas de Sarela.

 

O estrés é algo habitual na vida dunha persoa xa que calquera, en maior ou menor medida, experiméntao nalgún momento. O estrés está causado por unha situación interna ou externa á que a persoa se expón. Por exemplo, son situacións estresantes a sobrecarga laboral, ter pouco tempo para facer moitas tarefas, o coidado dunha persoa, etc. O estrés soe desaparecer cando desaparece o estresor que o causa, algo que nalgunhas situacións non é posible. Por outra banda, é  importante saber que estrés e ansiedade non son o mesmo, aínda que provoquen síntomas similares. A diferenza do estrés, a ansiedade é a resposta do corpo a un medo que non está presente ou que estamos anticipando.

 

Por si mesmo o estrés non é algo negativo xa que é unha resposta adaptativa que produce o noso organismo cando se encontra ante algo que supón unha “ameaza”. Esta resposta provén da nosa evolución, e está pensada para dar unha resposta rápida que nos aparte dun perigo. Consta de tres fases: nun primeiro momento o organismo mobiliza toda a enerxía dispoñible para facilitar que poidamos ou ben escapar ou ben loitar contra o perigo que temos diante. Se a ameaza non desaparece, o organismo fai unha segunda adaptación. Neste caso, para repartir a enerxía que nos quede e así aguantar o máximo posible. Unha vez que non pode máis, entramos na última fase, na que hai un esgotamento. Como dicíamos, esta resposta é, nun principio, adaptativa e permitiu a nosa supervivencia en épocas nas que o ser humano tivo que escapar de depredadores. O problema prodúcese cando esta mesma resposta aparece ante outras situacións que se manteñen no tempo, algo frecuente na vida actual.

 

Este estrés, aínda que non provoca as enfermidades, si aumenta o risco de que se produzan ou acelera procesos xa presentes debido a que debilita ao organismo. Ademais desta vía, máis directa, existe unha vía indirecta pola que o estrés pode levar a ter enfermidades. Por un lado, ante situacións estresantes as persoas aumentan o consumo de sustancias que alivian temporalmente os seus efectos, como poden ser alcohol, tabaco ou alimentos ricos en graxas e azucres. Por outro lado, e debido a fatiga, redúcense comportamentos que son saudables como practicar exercicio. Con este cambio nos nosos hábitos aumentamos o risco de padecer gran número de enfermidades.

 

Cando unha persoa se enfronta a unha situación estresante poden aparecer os seguintes síntomas:

 

  • Síntomas condutuais: dificultades para durmir, inquietude, prantos, cambios nos hábitos alimentarios, aumento do consumo de tabaco ou alcohol.
  • Síntomas emocionais: sensacións de tensión, irritabilidade, desasosiego, preocupación constante, incapacidade para relaxarse, síntomas depresivos, etc.
  • Síntomas psicofisiolóxicos: músculos tensos ou ríxidos, rechinar de dentes, dor de cabeza e/ou cervicais, sensacións de mareo, sensacións de sufoco, dor de estómago, náuseas, vómitos, estreñimento, frecuencia e urxencia na necesidade de ouriñar, perda de interese no sexo, fatiga, perda ou ganancia de peso, etc.
  • Síntomas cognitivos: pensamentos angustiosos e catastrofistas, dificultade para concentrarse ou dificultade para recordar as cousas.
  • Síntomas sociais: mentres que unhas persoas cando se atopan estresadas adoitan buscar a outras persoas, algunhas tenden a evitalas. Ademais, a calidade de las relacións soe cambiar cando a persoa está baixo estrés.

 

Volvendo ao caso concreto das persoas coidadoras, existen unha serie de factores que poden favorecer a aparición do estrés. Algúns están relacionados coa persoa con dano cerebral adquirido (DCA), como son o nivel de dependencia derivado das secuelas ou a presenza de problemas de conduta. O dano cerebral adquirido provoca alteracións moi diversas e, na maioría dos casos, afecta ao desempeño das actividades da vida diaria, tanto básicas (aseo, vestido, uso de WC) como instrumentais (manexo de diñeiro, organización persoal, etc.). Isto provoca participe menos en actividades de tipo social e laboral. Pero tamén implica a necesidade de apoios por parte dunha terceira persoa, normalmente un familiar, que tamén verá reducida a su participación social e laboral pola necesidade de inverter tempo e esforzo no coidado.

 

Outros factores que poden favorecer a aparición do estrés en persoas coidadoras están relacionados coa propia persoa coidadora e o seu entorno. Algún destes factores son as habilidades de afrontamento, a autoestima e autoeficacia que ten a persoa e o apoio social co que conta. Concretamente o apoio social ten un efecto modulador sobre o estrés. Dito doutra forma, contar con e percibir que se ten unha boa rede de apoio non elimina o estrés, pero si reduce o efecto que ten sobre nós.

 

Todo isto, unido a outros factores como son os medos e incertezas que aparecen xa dende a fase de hospitalización ou a realización de trámites administrativos,  favorece a aparición de estrés nos coidadores.

 

Polo tanto, é frecuente que as persoas coidadoras pasen polas tres fases xa comentadas. Nunha primeira fase, máis aguda, o corpo actívase de cara a responder a unhas demandas elevadas. Pasado un tempo, dado que segue habendo demandas de coidado, o corpo segue con esa sobreactivación e estira as enerxías para poder seguir adiante. O problema é que esas enerxías que o organismo sobreactiva finalmente esgótanse. É necesario ser consciente o antes posible disto, para modificar certos hábitos e non esperar “o que o corpo aguante”, xa que de ser así poden aparecer diversas enfermidades e trastornos.

 

Ata aquí podería parecer que non existe nada que as persoas poidamos facer para protexernos do estrés e os seus efectos. Nada máis lonxe da realidade. Hai dous tipos de estratexias que podemos seguir de cara a reducir o estrés: as dirixidas a previlo e as dirixidas a manexalo unha vez apareceu. É importante ter en conta que, aínda que as técnicas para manexalo son un recurso, é moito máis importante seguir as recomendacións para previlo, xa que desta forma os efecto manteranse máis a largo prazo.

 

Algunhas das recomendacións para previr o estrés son:

 

  • Autocoidado: esta recomendación é fundamental para calquera persoa que sexa responsable doutros. É primordial coidar primeiro dun mesmo para poder coidar dos demais, e isto inclúe atender tanto á saúde física (non consumir alcohol e/ou tabaco, practicar algo de exercicio dentro das posibilidades, seguir citas e controis médicos, etc.) como á saúde mental (buscar momentos e espazos para un mesmo, buscar actividades e distraccións sás, etc.).
  • Apoio social: como xa vimos, o apoio social que percibimos determina en gran medida que unha situación nos resulte estresante. Nas familias, cando un membro enferma, o resto dirixen o seu tempo e os seus recursos a apoialo. No caso do DCA, unha vez estabilizada a parte médica, é frecuente que continúe a necesidade de apoio. A medida que vai pasando o tempo o cansazo, a falta de tempo, a afectación anímica e emocional, etc. levan a que as familias se illen pouco a pouco. É importante ter en conta este risco e tratar de apoiarse na rede de apoio o antes posible (se é posible dende que se instaura o DCA).  Se isto non é posible, o mellor será tratar de retomar o contacto canto antes. A rede de apoio non só abarca á familia, senón tamén a todas aquelas persoas do noso redor que nos poden brindar apoio, ben sexa emocional, de axuda en tarefas ou simplemente proporcionar información.

 

Tamén cabe destacar que unha rede moi extensa pode engadir, sen se o propoñer, máis estrés (numerosas visitas que chocan coa rutina, por exemplo). Ser claros coa nosa rede de apoio nestas situacións será de gran axuda.

 

  • Manterse informad@s: cando unha situación é imprevisible resulta máis estresante. A falta de información produce incerteza, polo que será importante preguntar, pedir aclaracións e solicitar a información tantas veces como sexa necesario, xa que as veces o exceso de información fai que sexa imposible procesala.
  • Fomentar a autonomía do noso familiar: isto terá efectos beneficiosos tanto para el/ela como para nós. Para a persoa con DCA supón maior independencia e xera sentimentos positivos. Para o familiar significa unha redución na carga de tarefas. Aínda que nun principio poida parecer que isto vai aumentar a carga (necesítase máis tempo, ao principio é posible que cometa máis erros), a longo prazo o efecto é beneficioso.

 

Como dicíamos, existen tamén técnicas que poden axudar a manexar o estrés unha vez que se produciu. É importante ter en conta que todas elas necesitarán práctica e adestramento. Nos momentos nos que nos sentimos alterados resulta difícil acordarse sequera destas técnicas, polo que aplicalas sen practicar antes será unha tarefa case imposible. Tamén cabe destacar que estas técnicas non son igual de efectivas para todo o mundo. Así, hai xente para a que a meditación resulta de gran utilidade, mentres que para outros resulta demasiado complicada e obteñen mellores resultados co entrenamento en relaxación muscular.

 

Unhas técnicas moi empregadas para o manexo do estrés son as técnicas de relaxación. Estas técnicas baséanse en que existe unha relación entre o que pensamos, o que sentimos e as reaccións que se producen no noso corpo. Se por exemplo penso en que mañá teño que facer un exame podo sentirme nervios@, o que provocará que me súen as mans, se me acelere o corazón, etc. Pero tamén é posible que o meu corazón lata rápido por tomar moita cafeína e, ao notalo, a miña cabeza busque unha explicación e chegue á conclusión de que “debo de estar nervios@”. Ao chegar a esa conclusión, identificarei estas sinais como “estar nervios@” e sentireime nervios@. É dicir, os pensamentos, os sentimentos e as reaccións físicas non soamente están relacionados, senón que tamén poden modificarse uns aos outros. As técnicas de relaxación aproveitan isto. Se eu son consciente da miña respiración, da tensión dos meus músculos, etc. e adestro para cambialos, conseguirei influír sobre os pensamentos e as emocións. Este adestramento debe estar sempre guiado por un profesional para asegurarnos de facelo correctamente e non obter o efecto contrario.

 

Outras técnicas encamiñadas a manexar o estrés son as baseadas na meditación (aquí inclúese tamén o mindfulness) ou as que utilizan o biofeedback (as que utilizan aparatos que nos permiten ver con máis facilidade cómo son a nosa respiración ou a nosa frecuencia cardíaca de cara a adestrar cómo modificalos).

 

En resumo, aínda que o estrés é algo normal a esperable na vida de calquera persoa, aprender a recoñecelo e tomar medidas o antes posible axudará a minimizar os seus efectos, e para conseguilo en moitos casos será necesario contar coa axuda de profesionais.

 

 

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información