Subscríbete ao noso boletín

Recibe novas no teu email

O valor do empoderamento

29/05/2017

Quinto artigo da serie que estamos a publicar por especialidades. As nosas educadoras socias fálannos de importancia de que as persoas con dano cerebral tomen conciencia dos seus dereitos, capacidades e intereses e comecen a defendelos, a decidir sobre a súa vida e a participar na sociedade en igualdade de condicións. Tamén afrontan o papel da familia, que deben asumir e axudar a que esa persoa encontre o equilibrio entre o que era e o que é.

Noelia Parente e Noelia Nieto, educadoras sociais en Sarela.

 

Se algo caracteriza ao dano cerebral adquirido (DCA) é o factor sorpresa co que irrompe na vida das persoas. A maioría das cousas que antes eran seguras xa non o son e hai que buscar estratexias para VIVIR. A persoa perde a forma de controlar a súa propia vida e, en moitos casos, moitas decisións quedan en mans doutras.

 

As diferenzas  coas que teñen que convivir son tanto de saúde como sociais, traspasando o concepto vital por completo xa que  afecta a tódalas esferas da súa vida e moitas das cousas que antes realizaba con regularidade pasan a estar no eido do imposible ou extraordinario.

 

Dentro da rehabilitación das persoas con DCA é preciso formular unha serie de accións que formen parte dun todo co obxectivo último de que a persoa logre mellorar a súa calidade de vida.

 

As limitacións e capacidades coas que se atopan requiren enfoques integrais e axeitados ás necesidades específicas. Isto implica a participación conxunta e coordinada dun equipo interdisciplinar onde cada un dos perfís que o forman son elementais e necesarios.

 

As súas prioridades irán cambiando ao longo do proceso de rehabilitación. Nun primeiro o urxente é o referido á necesidade de falar, andar ou comer, e as alternativas ocupacionais e o ocio quedan nun segundo plano. Cando a situación se estabiliza, as persoas empezamos a necesitar algo máis.

 

Nós, como educadoras sociais, traballamos nese “algo máis”, centrándonos nas capacidades das persoas e intentando que as súas limitacións non sexan un obstáculo na toma de decisión diarias, buscando sempre o seu empoderamento.  Traballamos para que as persoas tomen conciencia dos seus dereitos, capacidades e intereses e comecen a defendelos, a decidir sobre a súa vida e a participar na sociedade en igualdade de condicións.

 

 Potenciamos que as persoas usen e valoren a súa creatividade, a liberdade de elección, e logren deste xeito unha maior realización e satisfacción persoal. Todo isto sen esquecer a necesidade dun traballo en dúas direccións coas familias que, na maioría dos casos, teñen que volver a “aprender a deixar” ese dereito ao seu familiar. É dicir, deixar o rol de coidador por outro de potenciador e comezar a dar valor entendendo a nova perspectiva vital da persoa. Teñen que asumir  e axudar a que a persoa encontre o equilibrio entre o que era e o que é.

 

Como educadoras sociais en Sarela todo o traballo que realizamos, tanto de forma directa como indirecta, ten como  finalidade a sensibilización,  que o DCA se faga visible e a construción dunha sociedade máis xusta. Unha sociedade que poña tódolos seus recursos en mans de todos e cada un dos seus cidadáns.

 

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información